NOTA DE PRENSA

A homenaxe está promovida polo Festival Mar de Mares, que celebrará a novena edición entre o 15 e o 18 de setembro na Coruña e no que se dará gran protagonismo a este aniversario

 

OS HEROES DO “XURELO” REÚNENSE ANTE O ATLÁNTICO NA CORUÑA PARA LEMBRAR O PAPEL CLAVE DE GALICIA NA LOITA MUNDIAL CONTRA OS VERQUIDOS NUCLEARES NOS OCÉANOS

 

  • Reivindicaron o valor histórico da expedición deste pesqueiro á Fosa Atlántica, nun fito pioneiro na defensa dos mares, e o recoñecemento por parte da sociedade civil desta xesta como referente no activismo medioambiental
  •  Varios dos integrantes da travesía do “Xurelo”, un palangreiro con sede en Ribeira, participaron nunha fotografía simbólica 40 anos despois das protestas
  •  Activistas, representantes da cultura e do fotoxornalismo e os propios tripulantes do barco conseguiron impoñer unha moratoria no cemiterio de basura nuclear do Atlántico que aínda segue vixente

A Coruña, 5 de agosto de 2022. Membros da travesía do Xurelo, que hai xa 40 anos lograron parar o verquido de milleiros de bidóns de residuos nucleares que varios países europeos depositaban no fondo da Fosa Atlántica –a 300 millas do cabo Fisterra e a 4.000 metros de profundidade– reuníronse hoxe fronte ao océano na costa da Coruña para lembrar o papel decisivo, e pioneiro, de Galicia na loita mundial pola defensa medioambiental do medio mariño.

Esta homenaxe, impulsada polo Festival Mar de Mares (que celebrará a súa novena edición entre os vindeiros días 15 e 18 de setembro na cidade da Coruña e que este ano porá o foco nas grandes xestas mariñas), xuntou de novo a varios dos integrantes da expedición que se desenvolveu en dúas travesías, unha en 1981 e a segunda en 1982, para facerse unha fotografía simbólica co mar de fondo e lembrar o acontecido catro décadas despois de facer historia a bordo do Xurelo, un pequeno pesqueiro de 24 metros de eslora con base no porto de Ribeira.

Os membros da histórica travesía coa que lograron impoñer unha moratoria para suspender o verquido de basura nuclear na Fosa Atlántica, reivindicaron o seu valor histórico, así como un maior recoñecemento por parte da sociedade civil coa difusión desta xesta como referente no activismo medioambiental, na que participaron activistas, representantes da cultura e fotoxornalistas, así como os propios tripulantes do Xurelo, co seu patrón, Ánxel Vila, a fronte.

No acto desta mañá participaron (e estiveron hai 40 anos a bordo do Xurelo):

Gonzalo Vázquez Pozo (tenente de alcalde na Coruña por Esquerda Galega no momento da expedición):

“Hai que destacar a profesionalidade, xenerosidade e valentía dos tripulantes do Xurelo e en especial o patrón, que se xogou a tipo e o traballo saltándose a prohibición de saír ao mar”.

Roxelio Pérez Moreira, profesor universitario, activista no Colectivo Natureza: “Foi o punto de partida dunha grandísima mobilización cidadá na que se implicaron políticos, ecoloxistas, sindicatos, confrarías de pescadores, mariscadores, a cidadanía enteira”. “Foi o buque da vida, o buque ecoloxista”. “Os países europeos considerábannos o basureiro de Europa e iso feriunos o orgullo e levou á protesta”.

Manuel Rivas, escritor e xornalista:

O “efecto Xurelo” acadou unha vaga de simpatía e mobilización que conseguiu que no mundo, no planeta, se prohibiran os verquidos radioactivos ao mar. Todo iso comezou con esa noz movéndose no Atlántico, dende Galicia. Pasou algo importante en Galicia, o local fíxose universal”.

Xosé Castro, Pepucho, fotoxornalista:

“O extraordinario foi que non se volveu botar alí un bidón de basura nuclear e tamén o feito de que catorce homes metidos nunha chalana fixemos un traballo do que sentirse moi orgullosos”.

Tamén estiveron presentes no acto de Luis Cousillas, da organización de Mar de Mares, quen salientou “o luxo para o festival de ser quen difunda esta historia cando se cumpren 40 años e traela ao presente”, e Carlos Vales, director do CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia) e activista de Adega cando se realizaron as travesías do Xurelo.

Sobre o Festival Internacional Mar de Mares

Desde a súa creación, Mar de Mares traballa por un futuro máis sostible promovendo a reflexión e invitando á cidadanía a tomar partido polos mares, con obxectivo de celebrar toda a riqueza que nos aportan os océanos e o compromiso coa súa defensa e coidado. Ao longo destes anos, o Festival consolidouse como un espazo de reflexión grazas aos seus completos programas e á participación de referentes mundiais que nos contaxiaron o amor polo mar y regaláronnos marabillosas historias sobre os océanos. Desde o seu comezo, Mar de Mares reuniu na Coruña a preto de 200.000 persoas a través das súas máis de 250 actividades organizadas nas oito edicións anteriores.