Desde a primeira edición do Festival, o Mercado do Mar foi un gran lugar de encontro para os relatores e o público con numerosos emprendedores do mar cuxos produtos se elaboran baixo estritos criterios de sustentabilidade e respectando sempre os tempos e as regras do bo facer. Ao longo dos seis primeiros anos, coñecemos as caras que hai detrás de cada proxecto, probamos exquisitos bocados de mar, aprendemos sobre cosméticos mariños sustentables e sorprendémonos coas orixinais creacións de artesáns que converten cunchas en xoias, redes de pescadores en bolsos e mobles ou madeiras á deriva en preciosas pezas de decoración. Tamén coñecemos outras formas de viaxar e facer turismo máis verde (e azul) e case, case, logramos aprender de memoria todas as variedades de ameixas, crustáceos e cefalópodos das rías grazas ás charlas e aos zumarentos showcookings de pescadeRías.

Este ano, a situación sanitaria impídenos montar o mercado na chaira do Parrote, pero non por iso imos perder o contacto con este grupo de produtores que tanta paixón poñen no seu traballo. No apartado Mercado do Mar da nosa web poderás coñecer quen son, que fan e cales son os seus produtos estrela. E para os que boten de menos a posibilidade de probar algúns dos seus produtos, sortearemos varios lotes nas redes do Festival. E tamén poderás comprar todo aquilo que se che antolle, xa sexa a través das súas canles en liña ou nas tendas en que venden os seus produtos, co que apoiarás o comercio local.

Agardámoste neste virtual, pero non por iso menos especial, Mercado do Mar 2020.

Pica sobre cada unha destas ligazóns para coñecer os nosos expositores e segue as redes do Festival para concursar e gañar produtos e deseños de mar de primeira calidade.