NOTA DE PRENSA

Hoxe presentouse a novena edición do festival, que converterá A Coruña na capital mundial da divulgación do medio mariño entre os vindeiros 15 e 18 de setembro

INÉS REY DESTACA A APOSTA DE MAR DE MARES POR SITUAR A CORUÑA COMO UN REFERENTE NA DEFENSA E A POSTA EN VALOR DOS OCÉANOS E POLO SEU IMPULSO Á CONCIENCIACIÓN DOS EFECTOS DO CAMBIO CLIMÁTICO

  • A alpinista e exploradora galega Chus Lago avanzou a súa aventura en solitario no “frío e inhóspito Polo Sur”, que narrará en detalle nun dos esperados encontros inspiradores do festival
  • Estrella Galicia súmase de novo ao Mercado e Festa do Mar no Parrote con concertos, ponencias, showcookings e obradoiros de gastronomía de proximidade “con impacto positivo”
  • O programa, centrado este ano na aventura, o activismo e o papel da muller na historia épica dos mares, inclúe diversas propostas, todas de balde, como exposicións, charlas, unha visita á lonxa, actividades en familia, navegación guiada polas estrelas ou a limpeza de fondos mariños

 A Coruña, 2 de setembro de 2022. O Festival Mar de Mares regresa á Coruña baixo o lema “Colle a onda” cun programa épico e cargado de ecoloxía, activismo, ciencia, cultura e unha ampla oferta de lecer e gastronomía para concienciar á cidadanía sobre a vital importancia dos océanos e o compromiso coa súa preservación de cara a un futuro máis sostible para todos.

A gran cita co mar, que se desenvolverá entre os días 15 e 18 de setembro e converterá a cidade na capital mundial da divulgación do medio mariño, presentouse esta mañá nun acto celebrado na Fundación Paideia que contou coa participación da alcaldesa da Coruña, Inés Rey; Mercedes Carballo, directora de Mar de Mares; Pedro Pastur, responsable de Trade Marketing en Galicia do Grupo Hijos de Rivera, e Chus Lago, exploradora galega e participante nun dos encontros inspiradores do festival.

Na súa intervención, Inés Rey destacou a filosofía que impregna a este evento multidisciplinar sobre o coidado do medio ambiente e dos océanos en particular, así como da toma de conciencia da pegada do ser humano a prol da súa preservación. “É imprescindible estender a mensaxe científica ante os que negan a evidencia do cambio climático e as súas consecuencias terribles”, sinalou. Neste sentido, a alcaldesa da Coruña salientou “o cambio xeral de tendencia” sobre este tema por parte dos responsables políticos e apostou por traballar “dende o global ata o local” para obter “unha calidade de vida respectuosa e sostible”.

Pola súa banda, Mercedes Carballo desgranou o programa do festival, recoñecido por Nacións Unidas como unha das actividades incluídas na iniciativa “Década dos Océanos” e que este ano se centra na aventura máis épica co mar como escenario.

Diversidade na programación

A directora de Mar de Mares destacou o papel dos primeiros exploradores “que permitiron avanzar no coñecemento do mar” como Shackleton e Scott, presentes no festival a través dunha exposición de fotografía inédita en España, e adiantou outras propostas como a conferencia de representantes do Exército de Terra que acompañan aos científicos do CSIC na base española na Antártida, a visita á lonxa, a homenaxe aos activistas que, a bordo do palangreiro Xurelo, converteron hai corenta anos a Galicia en pioneira na defensa dos mares, o percorrido dramatizado remontando o río Monelos, a limpeza de fondos mariños xunto ao Castelo de San Antón ou desde as alturas nas rochas de Punta Herminia, a navegación baixo as estrelas e guiada por elas ou os encontros coa oceanógrafa catalana e especialista en tiburóns Gador Muntaner e con Chus Lago.

A alpinista e exploradora viguesa, primeira española en chegar ao Polo Sur en solitario tras case dous meses de travesía a pé arrastrando un trineo, avanzou parte da súa aventura. “Amundsen dixo da Antártida que era o lugar máis frío e inhóspito do planeta e quedouse curto”, comentou Lago, quen dixo estar “orgullosa” de ter levado a cabo a expedición “e poder contala”.

Gastronomía e música

Estrella Galicia súmase de novo a esta cita co mar, dando un paso máis no seu apoio a unha gastronomía e hostalaría con impacto positivo. A través da súa plataforma cultural local Km. C, incorpora á programación de Mar de Mares unha serie de iniciativas vinculadas á gastronomía de proximidade, así como unha completa programación musical. Así o indicou  o responsable de Trade Marketing en Galicia do Grupo Hijos de Rivera, Pedro Pastur,, que destacou que durante toda a fin de semana, o ‘Espazo Km. C Estrella Galicia’ albergará multitude de actividades que irán desde showcookings e obradoios ata ponencias sobre gastronomía, para as que contará coa colaboración dos colectivos Coruña Cociña y Grupo NOVE.

Sobre o Festival Internacional Mar de Mares

Desde a súa creación, Mar de Mares traballa por un futuro máis sostible promovendo a reflexión e invitando á cidadanía a tomar partido polos mares, con obxectivo de celebrar toda a riqueza que nos aportan os océanos e o compromiso coa súa defensa e coidado. Ao longo destes anos, o festival consolidouse como un espazo de concienciación e activismo grazas aos seus completos programas e á participación de referentes mundiais que nos contaxiaron o amor polo mar e regaláronnos marabillosas historias sobre os océanos.

Desde o seu comezo, Mar de Mares reuniu na Coruña a preto de 200.000 persoas a través das súas máis de 250 actividades organizadas nas oito edicións anteriores. Un fito para a cidade da Coruña que é posible grazas ao apoio de institucións públicas e privadas, así como de numerosas entidades que traballan no ámbito mariño. Entre os colaboradores do festival están o Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia, Estrella Galicia, Cabreiroá, Vegalsa, Cátedra Emalcsa-UDC, Signus, Ecovidrio e Abanca. Este ano ademais o Festival conta co selo da Década dos Océanos.