
Desde o inicio dos tempos, o mar foi fronteira para moitos, pero símbolo de liberdade para uns poucos, o espazo que lles permitiría descubrir outros mundos, chegar máis lonxe, coñecer novas terras. Cruzamento de culturas e gran porto de saída para chegar a novos horizontes. O mar é o maior escenario de aventuras e grandes xestas. É asemade principio e fin de todo.
A nosa historia non sería a mesma sen os homes que se atreveron a lanzarse ao mar: Magallanes, Elcano, Colón, Scott, Shackleton, Cousteau, Von Humboldt, Darwin... Son tantos que é imposible nomealos a todos. Fose por interese científico e ansia de coñecemento ou simplemente por afán de aventura, gloria ou riqueza, o certo é que moitas destas xestas cambiaron o mundo para sempre. Tamén a historia de Galicia en xeral, e moi concretamente a da Coruña, está marcada pola esencia e pola presenza do Atlántico, que tanto nos deu, pero que foi tamén a tumba de moitos dos nosos e lugar das grandes traxedias pesqueiras e ambientais que converteron os galegos nos pioneiros do activismo pola defensa dos océanos.
No 2022, celébrase o 500 aniversario da primeira volta ao mundo mariño e é o ano en que aparece un dos grandes tesouros ocultos baixo o mar, os restos do Endurance, o barco que levou a Shackleton a terras antárticas. O Festival Mar de Mares trae por primeira vez a España as imaxes que tomou Frank Hurley da expedición e expóñense xunto ás de Herbert Ponting, o fotógrafo que acompañou a Scott na viaxe ao Polo Sur e que acabou coa vida do capitán e de catro homes. Esta exposición é toda unha homenaxe a todos aqueles que coa súa bravura permitiron avanzar no coñecemento xeográfico e científico do noso mundo.
En Galicia, cúmprense corenta, trinta e vinte anos da acción do pesqueiro Xurelo contra a vertedura de residuos nucleares na fosa atlántica e dos afundimentos do Mar Exeo e do Prestige fronte ás costas galegas. Tres momentos que xeraron a repulsa de moitos cidadáns que saíron primeiro a loitar contra o lanzamento de bidóns ou as consecuencias das mareas negras e logo a protestar e a esixir novas normativas que preservasen o mar galego destas catástrofes evitables.
Pero non todo vai ser revisión do pasado, tamén miramos ao presente e ao futuro e contaremos coas historias de hoxe con dúas grandes aventureiras do noso tempo que se enfrontan aos mares de moi distintas formas e coa presenza dos investigadores e militares que traballan na Antártida buscando respostas científicas ao noso mundo.
Mar de Mares 2022 quere renderlles un especial tributo a todos os homes e mulleres cuxo afán aventureiro foi, e é, indispensable nos avances científicos e a todos os que souberon ver a importancia vital dos océanos nas nosas vidas e deron a batalla pola preservación dos mares, co convencemento de que só así poderemos salvarnos a nós mesmos.
Benvidos e benvidas á novena edición do Festival Mar de Mares, todo listo para esta nova travesía.

Onde se celebra?
Só na Coruña podería ter lugar un festival coma Mar de Mares. Rodeada de mar, a súa configuración xeográfica, o seu porto, a súa historia mariñeira, o seu paseo marítimo de 13 quilómetros —o máis longo de Europa— convértena nun escenario perfecto para reivindicar o mar como un dos grandes motores económicos, culturais e de lecer de Galicia.
O Festival utiliza a fachada marítima da Mariña e o Parrote, onde ademais das actividades ao aire libre, contará coa Fundación Paideia como unha das sedes para as actividades en espazo pechado.
Os museos científicos son novamente sede e tamén aproveitamos as praias da cidade e a súa contorna para empaparnos de salitre.
Quen o organiza?
O Festival Mar de Mares está organizado pola Asociación Redes de Sal e conta co apoio de diversas institucións públicas, como o Concello da Coruña, a Deputación da Coruña e a Consellería do Mar da Xunta de Galicia, pero tamén recibe patrocinio privado e conta coa colaboración de numerosas institucións que traballan no eido mariño.
Redes de Sal é unha asociación sen ánimo de lucro que nace co fin de defender e de fomentar o patrimonio mariño das costas en xeral e do Golfo Ártabro en particular, poñer en valor a riqueza natural e cultural que xeran os nosos mares e promover unha nova relación, máis amable e sustentable, da cidadanía co océano.
Dirección
Merce Carballo
Comisariado
Silvia Oviaño
Coordinación
Luis Cousillas
Prensa
Carmina Escrigas
Comunicación Creativa
Molotov Cóctel Creativo
Deseño, arte e audiovisual
Óscar Górriz
Redes
Daniela Arias-Andreu