POR AMOR AO MAR

Amamos o mar. E ese amor impulsa as nosas accións. Por iso naceu o Festival Mar de Mares, como un canto a todo o que nos dan os océanos. E para proclamar o noso compromiso co mar e co noso planeta. O mar é fonte de osíxeno, alimento, medicina e enerxía. É un espazo para gozar, pero tamén o noso consolo cando todo falla. As súas augas forman parte da nosa identidade e da historia das nosas comunidades, vilas e cidades. É o medio que nos permite viaxar e coñecer outras culturas. É inspiración para artistas e creadores. É para todos. É de todos. O mar somos todos. Todos somos mar.

POR QUE E PARA QUE UN FESTIVAL?

“Só se protexe o que se ama, só se ama o que se coñece”, dixo o comandante Cousteau”.

Se tratamos mal o mar, quizais é porque non sabemos o suficiente; daquela, chegou o momento de aprender máis sobre os océanos.

Por iso creamos o Festival Mar de Mares, xurdiu hai uns anos ante a necesidade de dar a coñecer a riqueza dos océanos. Mar de Mares é un lugar de encontro para celebrar todo o que nos dá o mar e para xerar conciencia sobre a necesidade de protexelo. Porque coidar os mares é coidarnos a nós mesmos.

  • Porque queremos recuperar a estreita relación que une a humanidade co mar, a orixe da nosa existencia.
  • Porque cremos que a educación, a cultura e a creatividade son os mellores motores para impulsar o cambio. E que a arte e a ciencia son grandes ferramentas para divulgar a riqueza económica, cultural e ambiental que nos achegan os océanos.
  • Porque as historias inspiradoras e as mensaxes optimistas moven máis á acción ca os discursos derrotistas.
  • Porque a saúde dos océanos nos incumbe a todos e queremos que a nosa mensaxe chegue a todo o mundo, mesmo aos que viven lonxe da costa.
  • Para converternos nun lugar de encontro e diálogo entre os distintos sectores implicados no mundo mariñeiro e para que todos poidan achegar coñecemento, experiencia e idea.
  • Para inspirar e motivar a cidadanía e as entidades públicas e privadas a emprenderen accións a prol dos mares. Queremos xerar amor polo mar.
  • Para promover unha relación máis amable co océano.

O NOSO COMPROMISO

Traballar día a día pola boa saúde dos océanos. O benestar do mar será a principal motivación de cada unha das nosas accións. Dar voz a todas as iniciativas e movementos que axuden á preservación dos mares. Mostrar que o cambio climático nos esixe un cambio radical na nosa forma de vida, promovendo un novo modelo económico e social máis verde (e máis azul). Ser coma o mar: inclusivos, acolledores e abertos e non excluír directa ou indirectamente a ninguén.

Actúa: ti podes mellorar a saúde dos mares.

E nós tamén. Por iso, o equipo do Festival Mar de Mares somos os primeiros que queremos mostrar o noso compromiso actuando a prol da saúde dos mares. Para conseguir o noso obxectivo, fomos dando pequenos pasos desde a primeira edición, aprendendo a aplicar criterios de sustentabilidade e de redución de impacto ambiental nas distintas fases de organización do Festival e promovendo este mesmo enfoque en todas as persoas e institucións implicadas.

Non esquezas botarlle unha ollada ao noso decálogo de cando en vez para asegurarte de que no teu día a día estás a actuar a prol dos mares. Lembra que vivimos nunha época complicada na que temos que levar obrigatoriamente máscaras e luvas desbotables. En tempos da covid, repara especialmente en todos os teus actos para evitar que o mar se converta nun vertedoiro sanitario!

1. FAI COMPRAS SEGURAS E SUSTENTABLES DE PEIXE

Respecta os talles mínimos, consume peixe de proximidade e de tempada e non compres peixe de especies que se estean esgotando. Valora a sustentabilidade dos produtos que compres, repara nas etiquetas.

2. REDUCE O USO DE PRODUTOS DE PLÁSTICO

Poderían acabar afogando un animal ou destruíndo un hábitat mariño. Dilles non aos produtos envoltos en plástico innecesariamente e leva sempre as túas propias bolsas á compra. Nestes tempos de pandemia, emprega máscaras reutilizables e evita as dun só uso.

3. AXUDA A COIDAR AS PRAIAS

Un bo día de mergullo, surf ou praia en familia é moito mellor nunha contorna limpa. Non deixes lixo cando marches e recolle o que atopes.

4. PROTEXE O MAR

Non tires polo vertedoiro aceites de fritura, pinturas ou calquera outro produto daniño. Emprega xabóns, deterxentes e produtos de limpeza ecolóxicos. E lembra que polo váter só debes botar o papel hixiénico.

5. COMPROMÉTETE CO NOSO LITORAL

Presta atención e alza a túa voz fronte ao excesivo formigón das nosas costas. A construción mal planificada de estruturas para o turismo, instalacións portuarias, barreiras etc. pode supoñer serias alteracións do territorio e do litoral.

6. APOIA AS ORGANIZACIÓNS QUE TRABALLAN PARA PROTEXER O MAR

Moitas entidades e organizacións están a loitar para protexer os hábitats mariños. Busca unha organización coa que simpatices e colabora con ela prestándolle apoio financeiro ou de voluntariado.

7. REXEITA, REDUCE, REUTILIZA, REPARA, RECICLA

Os 3 clásicos R xa non son suficientes e, por iso, debemos engadirlles dous moi importantes: rexeita o consumo innecesario e repara o que xa non funcione. Que non che gañe a batalla a obsolescencia programada.

8. REDUCE AS EMISIÓNS DE CO2 E O CONSUMO DE ENERXÍA

Cambia o coche polas camiñadas, usa lámpadas compactas de luz fluorescente ou sube polas escaleiras no canto de polo ascensor. É bo para ti. E para todos.

9. SUCA OS MARES RESPONSABLEMENTE

Tanto se navegas por traballo coma por lecer, faino de forma responsable e pensando sempre nas especies que habitan as augas que te rodean. Se planeas facer un cruceiro nas próximas vacacións, escolle a opción que sexa máis respectuosa co medio ambiente.

10. OBTÉN INFORMACIÓN SOBRE OS OCÉANOS E A VIDA MARIÑA

Toda a vida na terra está conectada co océano e cos seus habitantes. Canto máis saibamos acerca dos problemas aos que se enfronta este sistema vital, máis desexaremos axudar a garantir a súa protección e a inspirar a outras persoas para que fagan o mesmo. Podes empezar participando nas actividades do Festival Mar de Mares!