Project Description

Unha rocha no mar, iso é A Coruña, unha cidade-barco que lle debe a súa esencia e a súa existencia ao mar. Xurxo Souto, coñecedor de todas as historias que vinculan A Coruña co mar, conduce dous paseos para mergullarse no máis profundo desa conexión.

As pedras do Mar da Torre

(Sábado, 25 de setembro)

O Redondo, o Cabalo, as Longuiñas, Rabaleira, Xanrei, Gaivouteiro, Xogadoiro, Macallás… son as pedras que rodean a Torre de Hércules. Ao longo do paseo, descubriremos a eufonía e as historias que quedaron prendidas para sempre nestas rocas do mar. O paseo terminará preto do Aquarium.

Tras das pegadas do gremio de mareantes

(Domingo, 26 de setembro)

O gremio dos pescadores da sardiña, o gremio de mareantes, foi o máis importante da Coruña medieval. O seu patrón, Santo Andrés, deulle nome á rúa máis longa do barrio que ocuparon os pescadores secularmente: a Peixería. Neste paseo, descubriremos as pegadas da súa presenza en cada recanto da cidade. O paseo terminará no adro da igrexa de Santa María.