Prensa   |  Contacto   |  Pasadas edicións:  2014  -  2015

O Festival

A celebración dos océanos
© Rafael López-Monné
© Rafa Pérez

Que é o festival?

Un ano máis, queremos celebrar o océano como fonte de riqueza natural imprescindible na Coruña, unha cidade que respira mar por todos os seus recantos. O Festival Mar de Mares volve poñerse en marcha cun programa multidisciplinar de actividades que se celebrará entre o 21 e 25 de setembro, e que se prolongará durante o tempo que as súas exposicións permanezan abertas, que será ata o 27 de novembro.

O Festival Mar de Mares é un encontro cultural, educativo e lúdico de celebración e preservación do mar que, nesta terceira edición, achega unha mirada máis profunda e un compromiso aínda máis forte co mar de Galicia. Despois de dous anos poñendo o foco na beleza e nos problemas dos océanos afastados, Mar de Mares 2016 centra a súa atención nas costas máis próximas coa intención de poñer en valor a súa impresionante paisaxe. Para iso, contamos coa exposición Pel de mar, do premiado fotógrafo galego Xulio Villarino que, por primeira vez, mostra o conxunto da súa obra arredor da paisaxe mariña. Viaxaremos ao fondo das augas con Jorge Candán, que presenta na Coruña o seu documental O legado das rías galegas.

E tamén gozaremos, entre outras moitas cousas, da experiencia e das boas artes das redeiras galegas, convertidas nun dos máximos expoñentes da artesanía galega, a través da exposición Enredadas. Contaremos tamén coa presenza de Lucy Gilliam, científica e activista a prol dos mares que en 2011 puxo en marcha o proxecto eXXpedition, no cal un veleiro tripulado só por mulleres recolle datos sobre o estado das augas do mar e as consecuencias que teñen os elementos tóxicos que o contaminan na saúde humana. Por primeira vez en España, Gilliam falaranos da súa experiencia como muller, navegante e científica nun proxecto tan innovador como é eXXpedition.

O Mercado do Mar crece e este ano teremos unha maior representación das emprendedoras e emprendedores galegos que traballan con produtos mariños baixo criterios de sustentabilidade, pero tamén contaremos con música, degustacións e actividades de reciclaxe. De feito, esta será a primeira vez que teremos un espazo dedicado aos axentes que traballan na xestión de residuos e que, reunidos na Illa da Reciclaxe, nos mostrarán de forma amena e participativa como debemos aproveitar o lixo para evitar que este acabe no mar. A gastronomía será de novo un dos eixes sobre os que xire o festival, polo que profundaremos nos segredos e na variedade da cociña galega de mar, con talleres e degustacións, en restaurantes e na lonxa. A vela é este ano o deporte estrela no festival, unha actividade accesible para todos e que poderemos coñecer mellor grazas ao Bautismo de Vela e á regata que realizaremos na baía da Coruña.

O festival ten como obxectivo sensibilizar respecto do coidado e da preservación dos océanos mentres pasamos un bo momento, estimulando a participación cidadá e a implicación individual, de maneira que quede demostrado que todos xuntos podemos contribuír a mellorar a saúde do mar. E, por este motivo, as propostas activistas e as actividades educativas, en formatos tan variados coma visitas intermareais ou talleres en centros educativos, son unha parte ineludible deste festival. Co fin de promover a reflexión sobre a conexión histórica da nosa cidade co mar e os seus recursos, reuniranse na Coruña expertos en materias como a arte, a ciencia, a gastronomía, o emprendemento, a educación ou a reciclaxe, todo iso a través dun programa de actividades imprescindibles para coñecer, tomar conciencia, gozar e actuar en defensa do noso mar, o mar de todos.

Desde o 21 de setembro e ata o 27 de novembro, A Coruña converterase de novo na capital da defensa e conservación do mundo mariño.

Benvidos á terceira edición do Festival Mar de Mares!

Onde se celebra?

Situada ao noroeste da Península Ibérica, A Coruña é unha cidade aberta e cosmopolita de preto de 250.000 habitantes. Posúe un dos portos históricos máis relevantes de España que é, ademais, un dos motores económicos máis importantes da metrópole. Bañada polo océano Atlántico, á excelencia da súa gastronomía e á riqueza do seu comercio súmanse tamén unha gran tradición pesqueira e unha incansable actividade cultural e de lecer para os públicos máis diversos.

Situada no corazón das Rías Altas galegas, na Coruña pódense visitar monumentos tan significativos como a torre de Hércules ou o impresionante miradoiro do monte San Pedro. En canto ao seu paseo marítimo, con máis de 13 quilómetros de extensión, convén salientar que é o máis longo de toda Europa. E non resulta estraño albiscar intrépidos surfeiros desafiando as ondas das praias do Orzán, Riazor ou Matadoiro, que bañan un dos costados da cidade.

Os museos científicos son un dos grandes atractivos do panorama educativo e expositivo da Coruña. Do mesmo xeito que na primeira e segunda edición, o Festival Mar de Mares elixiu dous deles, a Domus e o Aquarium Finisterrae, para acoller boa parte do festival. Outras salas e enclaves emblemáticos da Coruña coma o Kiosco Alfonso ou os xardíns de Méndez Núñez, un bonito pulmón natural no centro da cidade, continuarán sendo sedes deste encontro internacional de preservación do mar. A lonxa da Coruña segue a ser tamén un dos nosos mellores aliados para celebrar o festival. Ademais, este ano alegrámonos de contar por primeira vez con Afundación como sede e de reincorporar ao noso elenco o restaurante Alborada. E, como non podía ser menos, nesta edición o mar que baña a cidade e a praia acollerá algunha das propostas.

Para descubrir todos os recantos da Coruña, podes visitar a web oficial: www.turismocoruna.com.

Quen o organiza?

O Festival Mar de Mares está organizado por Caravan Proyectos de Cultura e Crearte Servizos Culturais e conta co apoio de diversas institucións públicas, como o Concello da Coruña e a Consellería do Mar da Xunta de Galicia, pero tamén  recibe patrocinio privado e conta coa colaboración de numerosas institucións que traballan no eido mariño.

Caravan Proxectos de Cultura é unha empresa de xestión cultural cuxos profesionais suman longos anos de experiencia no sector. Ideou, produciu e xestionou eventos como Ráfagas e Arde la Calle, e exposicións para La Caixa, Caja Madrid, Fundación Novacaixagalicia, o Concello da Coruña, a Comunidade de Madrid, o Concello de Valladolid e o Concello de Cádiz, entre moitos outros. Máis información en www.caravancultura.com.

Crearte Servizos Culturais é unha empresa especializada no deseño e na posta en marcha de actividades de mediación cultural dirixidas a todo tipo de públicos. Realizou a dinamización de innumerables exposicións e eventos para a Fundación Barrié, o Concello da Coruña, a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia ou a Fundación Novacaixagalicia, entre outros. Máis información en www.creartesc.es.

 

Dirección
Silvia Oviaño
Merce Carballo

Coordinación
Luis Cousillas
James McSherry
Olga Romasanta

 

Comunicación
Grándola
Diego Jiménez
Christian Sellés
Paula Gómez de la Fuente

Deseño
Grándola
Carlos Lorenzo
Diego Jiménez
Marta Paz

Deseño web
Quino Melguizo

Audiovisual
Óscar Górriz

Máis información escribindo a info@festivalmardemares.org

questra Пестюк Чеслав Фанис Джураев Константин Мамчур Станислав Кравцов AGAM Atlantic Global Александр Прочухан Абакумов Андрей