Prensa   |  Contacto   |  Pasadas edicións:  2014 - 2015 - 2016 - 2017 - 2018

O Festival

A celebración dos océanos
© Rafa Pérez
© Lucas Vallecillos

O Festival

Ano tras ano, o Festival Mar de Mares converte A Coruña na capital mundial dos océanos, un punto de encontro para todos aqueles namorados do mar que, ademais de gozar desta paisaxe, tamén se preocupan pola súa supervivencia e loitan por deixar uns mares limpos e sans para as próximas xeracións. Artistas, científicos, activistas, educadores, restauradores, deportistas e emprendedores e, por suposto, o público convértense durante uns días na voz dos océanos.

Desde a súa primeira edición en 2014, Mar de Mares reuniu algúns nomes imprescindibles no estudo, na creación artística e na defensa dos océanos, como son David Doubilet, Cristina Mittermeier, Mandy Barker, Jennifer Hayes,Daniel Beltrá, Lucy Gilliam, Telmo Aldaz de la Quadra-Salcedo, Skeleton Sea…, e moitas outras figuras que nos transportaron a mares remotos e ás profundidades dos océanos para darnos a coñecer a impresionante beleza e a importancia vital dos mares nas nosas vidas. Como non podía ser menos, Galicia estivo tamén moi presente a través de artistas, científicos, divulgadores e activistas que nos emocionaron coas súas imaxes e relatos sobre as costas galegas: Xulio Villarino, Jorge Candán, Iván Domínguez, Manuel Rivas, Sekone, Susana San Román, María José Arceo, e outros moitos galegos que respiran mar as vinte e catro horas do día.

Nestes cinco anos, preto de 93.000 persoas desfrutaron das máis de 200 actividades, unha cifra que nos enche de orgullo, especialmente porque o festival está pensado por e para a cidadanía e todos os anos prográmanse ducias de actividades participativas e abertas a todo tipo de público: exposicións, obradoiros activistas, encontros inspiradores, intervencións artísticas, ciclos de cine, gastronomía, xogos, un mercado do mar… Mar de Mares ofrece unha programación lúdica e inspiradora para lanzar unha mensaxe realista sobre o presente, pero optimista en canto ao futuro, e para achegar numerosas solucións e ideas que invitan á reflexión e á acción. Enrólate no noso barco!

MAR DE MARES 2019

Ciencia para coidar os mares 

Os científicos calculan que entre o 50 e o 70 % do osíxeno que se xera na terra é producido polos océanos, é dicir, que lles debemos aos mares polo menos a metade do aire que respiramos. É imprescindible adquirir conciencia da súa importancia na nosa vida —xa vivas na costa ou no interior— e é necesario preguntarse a relación do ser humano co mar nun momento no que está máis ameazado ca nunca.

Nesta sexta edición, queremos darlle un especial protagonismo á ciencia, un dos motores imprescindibles para lograr ese cambio. Unha ciencia preto dos cidadáns, accesible e comprensible para todos, con rigor, pero cun toque de humor, aventura e épica. Mari Carmen Domínguez, Karmenka, científica e aventureira, experta en glaciares, desxeo e cambio climático, relataranos a súa experiencia no estudo do desxeo nas zonas polares co seu proxecto Glackma. Máis preto da casa, coñeceremos a variedade de mamíferos mariños que se avistan nas costas galegas e compartiremos os coñecementos dos científicos do IEO na visita á praia En busca do tesouro, unha das actividades máis demandadas polas familias no Festival.

Nun ano dedicado á ciencia, queremos sumarnos á celebración dos 20 anos da institución que más fixo pola divulgación mariña na Coruña, o Aquarium Finisterrae, e para isto sentaremos á mesa dous científicos que o coñecen profundamente: Ramón Núñez Centella, que fora o seu primeiro director, e Paco Franco, o director actual.

O humor é un dos grandes aliados da ciencia e, para logralo, teremos o colectivo Big Van Ciencia, que contará algúns dos segredos mellor gardados dos nosos mares. Como adoita ser habitual, teremos a proxección de grandes documentais mariños e este ano proxectaremos de novo un capítulo de Blue Planet II, da BBC, comentado despois por Juan Antonio Romero, que fora colaborador de Jacques Cousteau e da primeira tempada de Blue Planet. Como novidade, este ano contamos coa programación do prestixioso Ocean Film Festival, unha cita imprescindible coas mellores películas sobre o mar no que se xuntan aventura, paixón e compromiso. Nunca a ciencia fora tan entretida.

A arte, a grande aliada do mar

Pola súa capacidade de emocionar e de levarnos a novos territorios, a arte é unha das mellores ferramentas de Mar de Mares e Cristóbal Serrano, gañador do Wildlife Photographer of the Year 2018, entre outros moitos premios de recoñecido prestixio, convídanos a coñecer un mar de cores e formas impresionantes. Ademais, nun encontro co público, Serrano desvelará a paixón que o leva a buscar a imaxe nunca vista antes.

Os escritores máis mariñeiros volven ser de novo protagonistas no Festival. Marta Dacosta, María Canosa e Xosé Iglesias, moderados por Xurxo Souto, falarannos da relevancia do mar nas súas obras.

A música (a mares) é outra das artes na que tanto nos apoiamos no Festival, e este ano contamos coa actuación do grupo Toom Pak, que presenta por primeira vez en Galicia o seu espectáculo Reciclart 2.0, onde se dan a man música e reciclaxe, un espectáculo do que poderán gozar grupos escolares e público xeral. Ademais, como é habitual, o Mercado do Mar ofrecerá diversos concertos na súa programación.

Gastronomía, unha viaxe ao sabor 

Galicia é mar e é gastronomía, cada bocado mariño é un pedazo de cultura galega. Se o antropólogo francés Lévi-Strauss falaba do cru como un estado de natureza e o cocido como a transformación desta en cultura, nós queremos indagar na rica relación que mantén en Galicia os ingredientes e as súas múltiples receitas e para isto daremos a coñecer algúns dos pratos mariñeiros con máis historia e algunhas das últimas creacións realizadas por destacados cociñeiros da zona.

Tamén visitaremos o lugar onde se coce todo (ou, mellor dito, véndese): a Lonxa da Coruña, un dos mercados máis grandes do mundo e no que cada amencer póxanse toneladas de peixe fresco. Unha aventura urbana que deixa un gran sabor de boca cun almorzo mariñeiro. Ademais, o Mercado do Mar contará tamén con showcookings dos mellores cociñeiros da cidade.

O Mercado do Mar

Todos somos conscientes de que vivir do mar non é doado, pero vivir do mar respectando a sustentabilidade dos océanos é aínda máis complicado. No Mercado do Mar, queremos salientar o labor dos emprendedores do mar que traballan con produtos do mar e que respectan o equilibrio natural deste ecosistema. Marisco, conservas, bebidas, algas, empanadas, galletas mariñeiras, hai multitude de produtos que poderemos coñecer, degustar e comprar durante o sábado e o domingo no Mercado do Mar no Parrote. Ademais, poderemos comprar artesanía feita con crebas, xoias elaboradas con cunchas, bolsos fabricados con redes de pesca…

Un festival para todos

Con actividades para familias, para solteiros, para amantes da música, para apaixonados da fotografía, da literatura, para maiores, para nenos, para ferventes do novo e do clásico, para activistas da natureza e para novatos no activismo, para emprendedores, para consumidores concienciados, para adolescentes…

Nas vindeiras semanas, Mar de Mares 2019 anunciará máis nomes e actividades que se irán sumando ao Festival e que converterán, un ano máis, a nosa cidade na capital dos océanos. Permanece alerta, non perdas ningunha sorpresa.

Onde se celebra?

Só na Coruña podería ter lugar un festival coma Mar de Mares. Rodeada de mar, a súa configuración xeográfica, o seu porto, a súa historia mariñeira, o seu paseo marítimo de 13 quilómetros —o máis longo de Europa— convértena nun escenario perfecto para reivindicar o mar como un dos grandes motores económicos, culturais e de lecer de Galicia. Este ano, o Festival utilizará a fachada marítima da Mariña. E, ademais das actividades ao aire libre, contará coa Fundación Paideia como unha das sedes para as actividades en espazo pechado.

 

Os museos científicos súmanse de novo como sede e, unha vez máis, aproveitamos as praias da cidade e a súa contorna para empaparnos de salitre. Se es de fóra da cidade, consulta a sección Ven á Coruña para informarte dos descontos que poñemos á túa disposición para a túa viaxe, así como das distintas opcións de aloxamento. Para coñeceres todos os recantos da Coruña que non podes deixar de visitar, consulta a web oficial de Turismo da cidade: www.turismocoruna.com.

Benvidos á sexta edición do Festival Mar de Mares. Todo listo para esta nova travesía…

Quen o organiza?

O Festival Mar de Mares está organizado pola Asociación Redes de Sal en colaboración con Crearte Servizos Culturais e Caravan Proyectos de Cultura e conta co apoio de diversas institucións públicas, como o Concello da Coruña e a Consellería do Mar da Xunta de Galicia, pero tamén recibe patrocinio privado e conta coa colaboración de numerosas institucións que traballan no eido mariño.

Redes de Sal é unha asociación sen ánimo de lucro que nace co fin de defender e fomentar o patrimonio mariño das costas en xeral e do Golfo Ártabro en particular, poñer en valor a riqueza natural e cultural que xeran os nosos mares e promover unha nova relación, máis amable e sustentable, da cidadanía co océano. Máis información en www.redesdesal.org

Dirección

Silvia Oviaño

Merce Carballo

Coordinación

Luis Cousillas

 

 

Comunicación

RECLAM

Deseño

RECLAM

Audiovisual

Óscar Górriz

 

Para obter máis información, escribir a info@festivalmardemares.org