Prensa   |  Contacto   |  Pasadas edicións:  2014 - 2015 - 2016 - 2017 - 2018

CRISTÓBAL SERRANO: UN OCÉANO DE ARTE

EXPOSICIÓN

Info

Cristóbal Serrano
Do 18 de setembro ao 20 de outubro
Dársena da Mariña
Público xeral

Cada mañá, máis de sete mil millóns de persoas espertan e mergúllanse de cheo no latexo da natureza, deixando que o ritmo frenético do cotián esvaeza o que nos quere amosar. Respiramos o seu aire, percorremos os seus camiños e mergullámonos nos seus mares, pero non somos quen de deternos a contemplar a súa arte.

A natureza é creación, evolución e beleza e isto supón, para Cristóbal Serrano, un reto omnipresente na procura dunha elegante composición e dunha estética delicada, que aplica tamén ás súas fotografías baixo o mar.
Destacado pola crítica no eido internacional, os premios que recibiu só en 2018 dan unha idea da relevancia da súa obra: primeiro premio nas categorías Animal Behaviour: Mammals e Creative Visions, do prestixioso concurso Wildlife Photographer of The Year; gañador absoluto no European Wildlife Photographer of The Year (GDT) e gañador absoluto no certame internacional de fotografía de natureza Memorial María Luisa.

Baixo unha visión fotográfica conectada coa arte, Serrano presenta na Coruña unha exposición con obras de gran formato e temática exclusivamente mariña. Fiel ao seu estilo —o seu traballo sempre xira ao redor da premisa “a arte da creación é a arte da natureza”—, o recoñecido fotógrafo mostrará toda a beleza que se oculta baixo as augas do océano. A exposición presenta imaxes inéditas nunha produción específica para Mar de Mares. O Festival consolida a súa vocación de chegar a toda a cidadanía e saca a arte a un espazo público, a dársena da Mariña.

Cristóbal Serrano protagonizará un encontro inspirador, o sábado 21 de setembro ás 20 horas na Domus, no que o público coñecerá as claves do seu traballo.

+ Info